28 actuacións teatrais chegarán á Mariña dende o sábado ata xuño
Ata xuño, 28 actuacións teatrais chegarán a área da Mariña lucense a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios, con sete funcións en cada un dos concellos asociados: Burela, Foz, Ribadeo e Viveiro.
A programación deste circuíto cultural para o primeiro semestre de 2022, organizada en colaboración coas administracións locais, arranca esta fin de semana en Foz cunha proposta para público familiar.
Así, o sábado a Sala Bahía focense acolle ás 18.30 horas Tilintilonia, de O Baúl da Tía Tola. Trátase dun espectáculo para bebés que pretende o estímulo dos sentidos e que viaxa a través das sensacións e das emocións. Nun pequeno planeta habitado por dúas mulleres descubrirase un mundo cheo de texturas, cores, sons e fantásticos seres que xorden coa música e onde o vento e a auga se converten en elementos de xogo.
O cartel desta localidade continúa xa en marzo, co teatro de Apatacón e a peza Por unha peseta; A Panadería, con As que limpan; e Caramuxo Teatro, con Na casa. As sesións complétanse en abril con A parábola do angazo, de Talía Teatro; Lázaro de Tormes, de Pedras de Cartón; e Libre como os paxaros de Teatro do Atlántico.
Burela comeza a súa programación en febreiro, o día 5, dan man de Katarsis, Educación e Teatro e a súa montaxe para público familiar Pa cama. Seguiranlle Isabel Risco con Bravas e, xa en marzo, Caramuxo Teatro con A nena que vivía nunha caixa de mistos e Malasombra Producións con Sós. En abril será a quenda de Culturactiva con As alumnas e de Pedras de Cartón con Quixote. Por último en maio chegará Fulano, Mengano e Citano con O xardín de Vila Gris. Todas as sesións terán lugar na Casa da Cultura.
O 6 de febreiro, arrancan as funcións no Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo, con Sarabela Teatro, que ofrecerá a peza A lingua das bolboretas nesta xornada e na seguinte. En marzo representarase a coprodución do Centro Dramático Galego con Incendiaria e A Quinta do Cuadrante A lúa vai encuberta, obra gañadora do II Certame Manuel María de Proxectos Teatrais, e a proposta para público familiar de Baobab Teatro Ás para Álex. En abril Talía Teatro ofrecerá Morte accidental dun anarquista e Nelson Quinteiro Producciones, Fala Me Trad Cabaré. En maio péchase o cartel deste concello con Alén de A Formiga Producións Teatrais.
O Teatro Pastor Díaz de Viveiro abrirá tamén a súa programación en febreiro, mes no que haberá dúas sesións para público familiar con Sopa de piedras, de Engrune Teatre, o día 12, e Onde viven os monstros, de Os Náufragos, o 19. As que limpan, de A Panadería, Quixote, de Pedras de Cartón, e A lúa vai son as propostas para marzo. En abril chegará Teatro do Atlántico con Libre coma os paxaros, e, en maio, de De Ste Xeito Producións, con Feminíssimas.
O calendario de funcións ao abeiro deste circuíto pode consultarse nas axendas das web de Cultura de Galicia e da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).