25 actuacións da Rede Galega de Teatros e Auditorios súmanse á axenda cultural da Mariña
A Rede Galega de Teatros e Auditorios contribúe con 25 actuacións escénicas e musicais á programación deste segundo semestre do ano en Burela, Foz, Ribadeo e Viveiro, os catro municipios da Mariña lucense integrados neste circuíto de espectáculos.
Ademais, este verán a oferta cultural da comarca intensifícase con 17 citas do ciclo Cultura no Camiño nos concellos de Barreiros, Mondoñedo e Trabada, todas elas no marco da axenda de 2500 actividades que está a impulsar a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades baixo o lema A Cultura de Galicia é un CulturON.
Foz
No caso da Rede Galega de Teatros e Auditorios, Foz é o municipio mariñán que concentra maior número de representacións neste segundo semestre, cunha carteleira de 15 espectáculos entre os meses de xullo e decembro. Tras as actuacións durante o mes pasado de Dani García, Xampatito Pato, Inventi Teatro e Ghazafelhos, a actividade continúa en agosto co espectáculo musical A casa do terror, a cardo de A Banda do Verán de Xoán Curiel este luns 14 ás 20,30 h. na praza Conde de Fontao. O martes 22 á mesma hora será a quenda do Mago Rafa coa montaxe Experiencias no pavillón do Colexio Público nº 1.
A Sala Bahía será o escenario no que se desenvolverán os espectáculos restantes. Alí, Teatro do Noroeste ofrecerá o 14 de setembro dous pases da súa obra Feirantes, e Ibuprofeno Teatro chegará o 20 de outubro con Smoke on the Water, obra pola que Josito Porto gañou este ano o Premio María Casares a mellor actor protagonista.
Xa en novembro, a Sala Bahía ofrecerá cinco montaxes dentro do circuíto autonómico. Os venres 3 e 10 resérvanse para a danza da man de LAD Dance Company con Qualia e Marta Alonso Tejada con Bailar agora, mentres que o día 12 será a quenda de N+1 con Divertimentos, o 16 a de Talía Teatro con Unha inimiga do pobo e o 24 a de Compañía Humana con Iphixenia na porta do súper. Por último, o 3 de decembro Os Náufragos brindaralle ao público infantil a súa obra Hugo.
Burela e Ribadeo
A Casa da Cultura de Burela agardará a outubro para lle dar inicio á súa carteleira de catro espectáculos dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Farao con Talía Teatro, encargada de abrir a actividade o día 13 con A parábola do angazo. A seguinte cita correrá a cargo de Airiños da Febra, que actuará o 21 de outubro. Nas dúas seguintes funcións, a maxia será a protagonista con Experiencias do Mago Rafa o día 28 de outubro e Rock and Magic do Mago Teto o 4 de novembro.
Pola súa banda, o Auditorio Municipal de Ribadeo, que concentrou a meirande parte da súa programación en rede durante o primeiro semestre do ano, acollerá o 19 de novembro a obra Rara Avis, de Lîlâ Teatro.
Viveiro
Tamén en novembro, dará comezo o segundo período de programación anual da Rede Galega de Teatros e Auditorios no Teatro Pastor Díaz de Viveiro. A primeira función celebrarase o día 4 con Crisálida de Caramuxo Teatro. O día 11 chegará Inconstantes Teatro con Hasta que la muerte nos separe e o 25 Contraproducións representará Entrega en man.
En decembro, Teatro do Noroeste actuará o día 2 con Último verán en Santa Cristina e Malasombra poralle o colofón á carteleira en Viveiro o día 9 con Os Fabulosos Cleaners.
Cultura no Camiño en Mondoñedo e Trabada
En canto á oferta de Cultura no Camiño na Mariña lucense, que arrancou xa a mediados de xuño en Barreiros, mañá pola tarde estarán en Mondoñedo os monicreques de Mircromina con Raio the loubicán na praza do Seminario e, xa pola noite, o grupo Louband tocará na praza do Concello. Mircromina actuará tamén o domingo con A familia unida.
En Trabada, a programación do ciclo promovido pola Xunta de Galicia concéntrase nos primeiros días semana que vén na praza do Concello, onde o luns 14 Teatro ó Cubo representará Ghop!, o martes 15 estará Pakolas co seu espectáculo Rockeando coa Ramona pequena e o mércores 16 tocará Uxía Lambona e a Banda Molona. As tres actuacións están programadas ás 18,00 h.