2,2 millóns de euros para o Plan de Sustentabilidade Turística

AMariñaXa
O Cenima, en Foz, acolleu a presentación do Plan de Sustentabilidade Turística na Mariña Lucense 2022-2024. 
Presentacion 2022 Plan de Sustentabilidade Turistica na Marina Lucense
25 Jan 2022

José Miñones reafirma o compromiso do Goberno coa Mariña para situar a comarca lucense “nas mellores guías do turismo de calidade”

O Cenima, en Foz, acolleu a presentación do Plan de Sustentabilidade Turística na Mariña Lucense 2022-2024. 

O presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, subliñou “o que supón para unha comarca como a nosa un impulso de 2.225.000 euros, que van incidir nun obxectivo moi claro, que é traballar na desestacionalización do turismo, conseguir xerar produto e que máis visitantes e un turismo de calidade se achegue a coñecernos, sobre todo apoiándonos no que temos e que hai que poñer en valor: o noso impresionante patrimonio natural, pois temos 9 cascadas, moi pretiño unhas das outras; lugares como a ría de Ribadeo, que é zona ZEPA, a propia ría de Foz,…; todo o interior, a serra do Xistral; temos un patrimonio arquitectónico que é envexable, como o Ribadeo indiano, a catedral de Mondoñedo, a basílica de San Martiño, o mosteiro de San Salvador, de Lourenzá, todo o casco histórico de Viveiro coas súas igrexas, Sargadelos, en Cervo, … E poderíamos estar citando máis e mellor opcións para ver e visitarnos. Apoiados tamén nunha gastronomía e nun clima que é o mellor que temos en España porque cando temos un cambio climático co que nos abafan as temperaturas a Costa Norte, cunhas temperaturas estables e suaves durante todo o ano, e agora co soliño un día coma hoxe, invita a vir aquí”.

E engadiu: “teño que agradecerlle tanto á Secretaría de Estado de Turismo como á Xunta de Galicia e tamén á Deputación de Lugo a aposta que fixeron por esta comarca porque souberon ver o potencial que nós somos conscientes que temos e que agora esperamos desenvolver”.

Tania Hermida, técnica de Turismo da Mancomunidade, na súa intervención dixo que “a xustificación do Plan de Sustentabilidade Turística na Mariña Lucense 2022-2024, que se presentou, ven dado pola presenza no territorio de moitas áreas rurais que están en proceso de despoboamento e que contan con recursos ata o de agora escasamente postos en valor, cun potencial turístico susceptible de aproveitamento, pero con déficit na xestión turística pola carencia de recursos humanos e económicos do ente xestor coma dos concellos, ademais da perda continua de poboación (o 6,9 % nos últimos 10 anos), dándose o descenso máis forte nas zonas de interior. Aínda que o total dos municipios que conforman o destino turístico superan os 70.000 habitantes (en concreto ten 71.804), o certo é que este territorio presenta unha dicotomía entre a costa e o interior, posto que a maior parte da poboación concéntrase no litoral costeiro (79%) e os municipios ou zonas de interior presentan unha menor dinámica económica e, por tanto, un menor peso poboacional”.

Para Hermida “o obxectivo para por trazar un plan para impulsar o crecemento e a transformación do sector turístico na busca dun modelo máis competitivo, innovador e participativo e á vez recuperar a confianza na seguridade do destino”.

Para Fran Cajoto e Tania Hermida este plan “preséntase coma unha oportunidade de establecer un marco estratéxico de traballo a longo prazo para afrontar con éxito un desenvolvemento turístico sostible na Mariña Lucense”.

"Aplaude o plan liderado pola Mancomunidade e resalta que o Goberno impulsa un desenvolvemento turístico sostible para a comarca, que supoña un revulsivo económico"

O delegado del Goberno en Galicia, José Miñones, reafirmou o compromiso do Goberno coa comarca da Mariña durante a presentación do Plan de Sostibilidade Turística que mobilizará 2,2 millóns de euros durante tres anos para transformar esta comarca lucense nun destino turístico de referencia, sostible e competitivo. O acto tivo lugar esta mañá en Foz, na sede do Cenima, e contou coa participación do presidente da Mancomunidade de municipios da Mariña e alcalde de Foz, Francisco Cajoto, e o delegado da Xunta, Javier Arias. Ao acto asistiron a subdelegada do Goberno na provincia de Lugo, Isabel Rodríguez, así como alcaldes e representantes dos dezaseis concellos que integran a Mancomunidade da Mariña.
 
José Miñones asegurou que o Plan de Sostibilidade Turística “está chamado a situar a comarca da Mariña nas mellores guías do turismo de calidade” e  destacou que o proxecto “é un exemplo da aposta do Goberno por Galicia, que se traduce en investimentos como os 80 millóns de euros para a modernización turística da Comunidade mobilizados só no mes de decembro”.
 
O delegado remarcou a aposta do Goberno polo turismo sostible en Galicia “que se reflicte nesta aposta pola Mariña e por toda a provincia de Lugo”, xa que tamén no sur da provincia está en marcha outro Plan de Sostibilidade Turística, dotado con 2 millóns de euros, para consolidar o destino turístico da Ribeira Sacra. Dese plan benefícianse 25 concellos galegos, 13 do sur da provincia de Lugo e os 12 restantes da de Ourense.
 
Miñones subliñou que o Plan de Sostibilidade Turística da Mariña “é un proxecto que conta con todo o respaldo do Goberno e, concretamente, da Ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, como se puxo da manifestó na visita efectuada á comarca o pasado verán polo Secretario Xeral de Turismo.
 
“Desde o Goberno buscamos impulsar un desenvolvemento turístico sostible para esta comarca, que supoña un revulsivo económico”, sinalou o delegado. Explicou que se trata de “aproveitar todo o magnifico patrimonio natural e cultural que tedes, coa finalidade de desestacionalizar a chegada de turistas e de xenerar emprego e aumentar a riqueza desta comarca”.
 
Enfatizou tamén a colaboración institucional que supón o Plan de Sostibilidade Turística da Mariña, polo que aplaudiu o liderado da Mancomunidade de Municipios. Así, sinalou que “a Mancomunidade tivo a intelixencia de deseñar un proxecto que foi quen de aunar vontades e lograr o apoio de todas as Administracións nun magnífico exemplo de cogobernanza”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17094206809998