200 nenos e nenas comezan hoxe os minicampamentos en catro concellos de Lugo

Foz
LugoXa | RibeiraSacraXa | AMariñaXa
Un total de 206 nenos e nenas de 10 a 14 anos participarán nos minicampamentos de Foz, A Pobra do Brollón, Cervantes e Folgoso do Courel.
nenos campamentos actividades boque
3 Xul 2023

Un total de 206 nenos e nenas de 10 a 14 anos participarán este verán nos minicampamentos Coñece Galicia organizados pola Consellería de Política Social e Xuventude nos concellos de Foz, A Pobra do Brollón, Cervantes e Folgoso do Courel. En total desenvolveranse dez quendas entre xullo e agosto e neste momento as prazas están cubertas.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explica que forman parte da campaña de verán deste ano, xunto cos campamentos e os campos de voluntariado, entre outras actividades. Neste caso as estadías duran cinco días, de luns a venres, e teñen lugar en aloxamentos turísticos.

O obxectivo deste programa é fomentar a adquisición de competencias e habilidades por parte dos rapaces, ademais de axudar a que coñezan a riqueza natural e patrimonial da Comunidade e conciencialos sobre o coidado do medio ambiente.

O primeiro en comezar será A conquista de Foz IV, – que inicia a primeira quenda mañá, 3 de xullo -, con accións de aventura, natación, teatro ou obradoiros creativos. Pola súa banda, no Xeocampamento das Montañas do Courel III os nenos e nenas realizarán visitas culturais, rutas de sendeirismo, acamparán nunha cabana tradicional do Courel e farán unha visita interpretada a unha cova. Ambos terán tres quendas con 20 prazas cada unha.

Tamén se desenvolverá na aldea de Piornedo (Cervantes) o minicampamento Aventura na Montaña IV, que ofrecerá aos participantes xogos deportivos, coñecemento da contorna natural, sendeirismo e montañismo. Así mesmo, A Descuberta da Pobra do Brollón III centrarase no deporte, a animación e a educación ambiental. Ambas actividades terán dúas quendas, as Cervantes con 20 prazas e as da Pobra do Brollón con 23.

0.18149304389954