A vindeira edición do Ribadeo Indiano estará dedicada a Cuba

TerraChaXa | AMariñaXa
5 Maio 2019

A vindeira edición do Ribadeo Indiano estará dedicada a Cuba, de aí a celebración deste encontro. A concelleira de Desenvolvemento Local, Turismo e Comercio, Ana Martínez, explicou que "unha delegación do Concello e de ACISA, da man do ribadense Ángel Rodríguez Anes, mantivemos un primeiro contacto co Consulado de Cuba en Santiago para iniciar a organización da nova edición do Ribadeo Indiano, que vai estar dedicado a Cuba".
Para a edil ribadense "foi unha reunión eu creo que bastante frutífera, moi agradable, na que puxemos en común moitas ideas e propostas, incluso novidosas, para a próxima edición deste evento. Aquí, en Santiago, arrancamos un contacto de traballo e iremos avanzando co tempo. Eu creo que foi satisfactorio, porque por ambas partes quedamos encantadas".
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, dixo que "se tocaron diferentes temas relativos ao vindeiro Ribadeo Indiano e ao futuro proxecto a desenvolver. No Consulado de Cuba atopamos unha disposición moi aberta, moi próxima e hai ganas de facer un evento no que haxa participación tanto pola parte cubana como desde a organización do Ribadeo Indiano. Amosáronse moi dispostos a axudar en todo o que necesitemos".
O traballo para a organización do sexto Ribadeo Indiano continuará nos vindeiros meses entre Acisa e o Concello: "este foi o punto de partida desta edición que estará dedicada a Cuba e na que agardamos dar un paso máis nesta festa, que é moi importante para Ribadeo, para a súa historia e tamén para a súa hostalaría e o seu comercio".
INDIANO. Aproveitando un rico escenario arquitectónico, e coa intención de rememorar vellos tempos, pretendemos facer do Ribadeo do século XXI, un escenario onde localizar un ambiente propio de principios do século XX recreando unha sociedade claramente influenciada pola cultura, tradicións e modas traídas polos indianos.
Este evento do Ribadeo Indiano pretende dar a coñecer e á vez valorar o legado que a emigración deixou na nosa sociedade: un importante patrimonio arquitectónico, tanto en arquitectura doméstica como pública (escolas, casinos, cines, cemiterios, fontes, igrexas, etc), e unha influencia nas sociedades da época, na industrialización, o comercio, a moda, os costumes, a gastronomía...
A evidencia máis palpable que deixaron entre nós, foi a arquitectura e por iso, se pretende reforzar a súa imaxe, sinalizando as casas indianas e un percorrido que facilite a súa compresión.
A denominada Arquitectura Indiana non é un estilo arquitectónico definido; é unha mestura de estilos, con grande influencia das arquitecturas tanto europea coma colonial e mesmo mesturando compoñentes da arquitectura tradicional galega.

0.090250968933105