Paso Miúdo: 17 anos camiñando pasiño a pasiño

Por Ana Somoza
Poucas cousas unen tanto como camiñar. Así o cren os membros de Paso Miúdo, unha asociación de sendeirismo nacida no Valadouro hai xa case dezaseis anos, cando un pequeno grupo de persoas que gozaban das saídas dominicais decidiu que era hora de compartir a súa paixón con máis xente. “Gustábanos andar e comer no campo, así que comezamos a facer rutas e acabamos por fundar a asociación para legalizala e poder acoller máis afeccionados”, lembran dende a súa directiva.
A orixe da entidade está marcada polo vínculo familiar, xa que os primeiros integrantes da Xunta Directiva foron todos membros dunha mesma familia: Ángel, Ana, Jesús, Belén e José Luis. Conxugaban a vontade de organizarse para poder federarse na Federación Galega de Montañismo —e así dispor dun seguro para as rutas— coa ilusión de recuperar vellos camiños como o Camiño Real entre o Valadouro e Mondoñedo. “Unha asociación ten máis peso fronte ás administracións públicas, e iso facilitaba moito o traballo”, explican.
O nome da entidade non foi escollido ao azar. Ten un significado especial que recorda o carácter do seu fundador, Ángel, que foi tamén o primeiro presidente. “Sempre que lle preguntaban como era a ruta, dicía que era todo chao”, contan entre risas. Pero o seu dito agochaba unha filosofía de vida: “el cría que pasiño a pasiño, con tempo, todo o mundo pode chegar moi lonxe”. Desa visión naceu Paso Miúdo. Actualmente, a asociación conta con 28 membros, repartidos a partes iguais entre homes e mulleres. Na directiva actual están Juan como presidente, José de vicepresidente, Carmen como secretaria, Vanessa como tesoureira e Isabel como vogal. Para entrar na entidade, explican, só hai que cubrir un formulario dispoñible na súa páxina web. “O único requisito é estar federado na FGM. Non cobramos cota nos últimos tempos”, apuntan.

FILOSOFÍA. A filosofía de Paso Miúdo non é simplemente saír camiñar: “Somos xente que vai camiñar facendo grupo, non un grupo de xente que vai camiñar”, subliñan. Esa distinción, aparentemente sutil, reflicte o espírito da asociación: compartir, coidar, crear lazos.
ITINERARIOS. As súas rutas mensuais levan aos socios por paraxes naturais moi diversas: fragas, montañas, sendas costeiras. A súa elección depende da época do ano e do interese paisaxístico, pero tamén das condicións prácticas: “Trala pandemia facemos rutas por preto, para podérmonos desprazar nos nosos vehículos”, indican. “Antes iamos en bus e comiamos por 20 euros, pero agora iso xa non é viable. Os prezos subiron tanto que preferimos ir en coches particulares e, unha vez alí, o que queira queda a comer pola zona”. Esa decisión responde tamén a unha visión solidaria co territorio: “Se os pobos non ven beneficio, non manteñen as rutas. Por iso procuramos deixar algo nos lugares que visitamos”.
LEMBRANZAS. Entre os itinerarios máis memorables están os que deixan pegada pola súa beleza, pola historia ou pola carga emocional. En Puebla de Sanabria descubriron unha fervenza de 35 metros completamente conxelada, “unha marabilla natural difícil de esquecer”. Pero hai camiños que calan máis fondo, como o Camiño Real entre Viveiro e Mondoñedo. “Recuperámolo co traballo incansable do noso antigo presidente, que sempre tiña a inquietude de saber como vivían os nosos antecesores”. Para el, este vieiro era “coma a A8 dos tempos antigos”, un fío que cosía as aldeas antes de que chegara o asfalto.
Outras rutas tamén deixan pegada polos momentos vividos. “A da Auga de Taramundi foi a primeira que fixen con Paso Miúdo, e pode que sexa a ideal: ten paisaxe, ten sidrina e tortilla de cabrales en As Veigas e Os Teixois, no medio da ruta”, relata un membro. Noutro caso, o Río Agüeira en Pesoz (Asturias) foi moito máis que unha experiencia natural: “alí coñecín á que hoxe é a miña muller”, di un dos socios, cun sorriso inevitable. Como toda asociación viva, Paso Miúdo tamén ten destinos pendentes. Un deles é Pena Trevinca, a cima máis alta de Galicia. “Intentamos subila nunha fin de semana, pero había néboa, cunha visibilidade de menos de cinco metros, e por seguridade decidimos non continuar”, relatan.
A montaña queda como un reto futuro. Pero o sendeirismo non é a única actividade do grupo. “Se na zona hai un museo, como o do Xoguete en Ponteceso ou o do Viño en Monforte, sempre facemos unha parada para visitalo. Tamén escavacións arqueolóxicas. É unha forma de complementar a experiencia”, explican. Ao longo de case dezaseis anos de historia, acumularon tamén anécdotas para dar e tomar. Algunhas divertidas, como aquela vez que tiveron que sacar os zapatos e remangar os pantalóns para cruzar un río tras unha noite de chuvia intensa. Outras emotivas, como a celebración de dúas vodas entre socios que se coñeceron grazas ás andainas. “Paso Miúdo é moito máis que unha asociación, é unha familia”, coinciden.
FUTURO. De cara ao futuro inmediato, teñen xa varios proxectos marcados no calendario. Prevén organizar saídas ata finais de ano por lugares próximos: Fraga Vella (en Mondoñedo), Ponte de Porto (O Vicedo), As Reigadas (A Pontenova), Bretoña (A Pastoriza) ou os Muíños de Xove. Lugares onde a natureza fala, e onde o paso pequeno segue marcando o ritmo. En 2025 celebrarán o seu décimo sétimo aniversario. “Queremos seguir como ata agora, cun ambiente familiar e sen perder a esencia que nos une”, declaran. A receita parece clara: camiñar con calma, gozar do entorno, coidar do grupo e non esquecer nunca que, pasiño a pasiño, pódese chegar moi lonxe.