15m€ para axudas extraordinarias coas que paliar as consecuencias económicas da guerra

AMariñaXa
A Consellería do Mar destina en 2023 preto de 15m€ a axudas extraordinarias coas que paliar as consecuencias económicas da guerra
barco pesca mar
1 Nov 2022

Estes apoios son para a frota, a acuicultura e a industria transformadora, esta última excluída das achegas estatais polo impacto do conflito bélico.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, subliñou que Galicia conta cuns orzamentos para 2023 pensados para as persoas e, no caso do seu departamento, para o mar e a súa xente. De feito, as contas da Consellería do Mar superan o vindeiro ano os 212 millóns de euros e inclúen medidas sociais como preto de 15 millóns de euros en axudas extraordinarias para o sector co obxectivo de facer fronte ás consecuencias económicas da guerra en Ucraína. 

Eses apoios, que se convocarán no primeiro trimestre de 2023 coa finalidade de que cheguen ao sector canto antes, están dirixidos á frota -incluída a artesanal-, a acuicultura e a cadea de transformación de produtos do mar, unha industria que quedou fóra das achegas habilitadas polo Estado para facer fronte ao impacto do conflito bélico.

A titular de Mar explicou durante a súa intervención na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento que as contas do seu departamento soben en 2023 máis dun 9% en relación con este ano, un incremento superior ao do conxunto da Xunta e que supón unha mellora desde 2016 que rolda o 65%. Deses 212 millóns de euros, o 80% vai dirixido a investimentos “apostando polo crecemento do sector, pola súa protección, a internacionalización, a posta en valor e desenvolvemento”.

Rosa Quintana incidiu en que a finalidade do Executivo galego é acompañar aos profesionais do mar, avanzar no coidado do medio e seguir dinamizando as zonas costeiras nun ano marcado pola transición entre o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e o Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (Fempa). 

Equilibrio na xestión

Nese cometido, destacou, Galicia vai seguir defendendo a importancia de que na xestión marítimo-pesqueira haxa un equilibrio entre os aspectos medioambientais, os económicos e os sociais. Para iso, expuxo, son fundamentais os datos científicos, motivo polo que este ano se constituíu a Rede entre o sector pesqueiro e organismos científicos de Galicia, á que a Xunta destina nos seus orzamentos máis de 1,2 millóns de euros. 

A Consellería renova ademais o compromiso coa recollida de lixo mariño, apoiando ao sector neste labor como en exercicios anteriores, e triplicará o investimento na mellora da produción acuícola ata os 900.000 euros. Esta partida permitirá desenvolver, entre outras, actuacións para favorecer a produción de mexilla, vital para garantir o labor do sector mexilloeiro da comunidade.

A titular de Mar tamén fixo fincapé na aposta pola remuda xeracional cun incremento do 40%, ata os 1,6 millóns de euros, para a mellora da saúde e da seguridade dos buques pesqueiros e un orzamento para ensinanzas pesqueiras que rolda os 10 millóns de euros, un 4% máis ca en 2022. A maiores, a Xunta destina preto de 12 millóns de euros a garantir o labor dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) no período de transición entre o FEMP e o Fempa posto que o seu labor é vital na dinamización das zonas costeiras. 

Rosa Quintana indicou que o seu departamento tamén mantén as principais liñas de achegas ordinarias para a frota, innovación, acuicultura e transformación dos produtos do mar ao tempo que, como no caso das axudas extraordinarias pola guerra en Ucraína, reserva 4,2 millóns para posibles apoios á paralización temporal de actividades pesqueiras por situacións excepcionais tanto no eido produtivo como no comercial. 

A Consellería do Mar reforza ademais a súa aposta pola internacionalización, a promoción e a comercialización dos produtos pesqueiros mediante apoios ás pequenas e medianas empresas para que avancen neste eido. Entre as accións previstas está a participación nas maiores feiras de alimentación do mundo para dar a coñecer os produtos galegos e que as pemes poidan establecer contactos comerciais que doutro xeito non realizarían.

Iniciativas de promoción

Nesta liña, a conselleira incidiu en que a comunidade destina en 2023 case 11 millóns de euros a medidas de comercialización, cunha suba do 16%. Con eses fondos desenvolveranse iniciativas como a organización de cinco foros con cociñeiros e bloggers gastronómicos en distintas cidades galegas ou a habilitación de catro foodtrucks que percorrerán 200 concellos de toda España para realizar degustacións de produtos certificados do mar de Galicia como Berberecho de Noia, Mexillón de Galicia, o bonito do norte ou os peixes e mariscos de pescadeRías

A estes investimentos engádense os destinados á mellora dos equipamentos pesqueiros, co obxectivo de mellorar as condicións de traballo do sector e aumentar a súa competitividade, e os máis de 14,5 millóns de euros que destinará Portos de Galicia a actuacións de modernización das instalacións e de seguridade nos peiraos. Rosa Quintana detallou que o ente público contará cun orzamento global de 33,5 millóns de euros nunhas contas que certifican que se trata dun organismo “autosuficiente, rendible, eficiente e solidario”. 

Precisamente, consciente das dificultades derivadas de episodios como a guerra en Ucraína, a Consellería do Mar introduce na Lei de Medidas que acompaña os orzamentos bonificacións, exencións ou conxelacións de taxas portuarias por importe de máis de 1,5 millóns de euros que pretenden apoiar ao sector, dotalo de liquidez e impulsar a súa actividade. Entre elas está a bonificación durante seis meses da taxa de pesca fresca e a exención das taxas de uso do dominio portuario para a actividade extractiva e de aproveitamento do uso do solo público -comprometidas este ano- así como outras bonificacións permanentes ou a conxelación do valor do solo portuario en 2023. 

Apostas blindadas

A titular de Mar tamén reafirmou o seu compromiso con entes vitais para a protección do medio mariño como o Servizo de Gardacostas de Galicia ou o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar). No caso do primeiro, incidiu en que a galega é a única comunidade española que conta cun servizo de gardacostas propio ao que destina o vindeiro ano preto de 27 millóns de euros, un 4% máis ca en 2022.

En canto ao Intecmar, o seu orzamento supera os 4 millóns de euros e acumula unha suba acumulada do 55% desde 2013. A finalidade é manter o gran labor dun centro recoñecido tanto a nivel nacional como internacional que garante a calidade dos produtos galegos do mar e dá seguridade á cidadanía no momento de consumilos. 

Rosa Quintana tamén lembrou na súa intervención aos mariñeiros falecidos en febreiro deste ano no naufraxio do buque Villa de Pitanxo e pediu á Comisión Europea que, ante medidas carentes de rigorosidade como o veto á pesca de fondo, mire cara Galicia para comprobar como se deben xestionar ben os recursos e protexer o medio ambiente da man do propio sector. 

0.19977617263794