125 barcos de pesca están afectados pola falta de diálogo do Goberno central

AMariñaXa
125 barcos de pesca están afectados pola falta de diálogo do Goberno central. Así o dixeron os representantes
Representantes de las organizaciones OPP 7 Burela, Opnapa, Opromar y Orpagu
16 Feb 2022

Ao redor de 125 barcos de Burela, Vigo, A Guarda e Marín están afectados pola falta de coordinación e diálogo entre os ministerios de Agricultura, Pesca e Alimentación e de Transición Ecolóxica, co consecuente bloqueo administrativo e perdas económicas significativas.

Representantes das organizacións OPP-7 Burela, Opnapa, Opromar e Orpagu ofreceron unha rolda de prensa en Santiago para falar sobre a situación dos armadores e industrias que están a sofrir perdas pola inacción do Goberno central co marraxo.

"A falta de diálogo e a descoordinación entre os ministerios de Agricultura, Pesca e Alimentación e de Transición Ecolóxica en torno ao marraxo está a afectar gravemente á viabilidade de empresas galegas que teñen nesta pesqueira unha importante fonte de ingresos. A frota de palangre de superficie de Galicia -unha das máis importantes de Europa- afronta importantes prexuízos pola inacción e falta de vontade para atopar unha solución do Goberno de España, que se traduce nun bloqueo administrativo difícil de entender", dixeron.

As reiteradas protestas da frota de Burela, Vigo, A Guarda e Marín vense con moita preocupación desde Anecteam (Asociación Nacional de Empresas Transformadoras e Comercializadoras de Especies Altamente Migratorias), que tamén demanda “unha resolución inmediata do conflito”. Desde Anecteam aseguran que a situación está a xerar “unha gran incerteza nas nosas empresas, traballadores e clientes e un problema de desabastecemento que se traduce nunha perda comercial para as nosas empresas”. Neste sentido, apuntan a que a falta de oferta da frota española pode provocar escenarios non desexados como a redirección da adquisición deste produto, por parte dos seus clientes, cara a outras frotas ou operadores internacionais “menos comprometidos coa sustentabilidade da especie”. Isto implicaría, aseguran, “que o prexuízo podería prolongarse durante varios anos”.

UN LABIRINTO BUROCRÁTICO

Todo empezou en agosto de 2019 coa entrada do marraxo no Apéndice II da Convención sobre o Comercio Internacional de Especies Ameazadas de Fauna e Flora Silvestres (CITES), que esixe que as exportacións das devanditas especies deben incluír os permisos correspondentes nos que se demostre que proveñen de pesqueiras sostibles e legais. E aquí comeza unha odisea para a frota española que, dous anos despois, continúa

O asunto chegou a situacións esperpénticas como a vivida por algúns armadores cando o ano pasado foron obrigados a destruír miles de quilos de marraxo, e custear eles mesmos esa operación, a pesar de pescalo legalmente. E é que a falta de coordinación entre o Ministerio de Transición Ecolóxica e o MAPA imposibilitou comercializar desde o porto de Vigo, un dos principais puntos de venda desta especie, partidas capturadas legalmente, que tampouco foi posible entregar a comedores benéficos.

Este tipo de decisións e a falta de interlocución levou ao sector español a unha situación límite: “Mentres nós non sabemos aínda que vai pasar coa cota deste ano e estamos obrigados a tirar ao mar todo o marraxo que collamos, outras frotas comunitarias e de fóra da UE están a pescar e comercializando a especie sen ningún obstáculo”.

O máis curioso é que a frota de palangre de superficie galega é un exemplo a nivel europeo de sustentabilidade e boas prácticas, tal e como destacaron numerosos dirixentes, incluída a propia administración española. Esta preocupación das organizacións de produtores que teñen nesta especie a un dos seus obxectivos levounos en 2019 a poñer en marcha conxuntamente con Anecteam, un proxecto de mellora pesqueira (FIP Blues), o único a nivel internacional que inclúe a unha especie de quenlla como é a tintorera.

Agora mesmo, e á espera dalgunha noticia do Goberno español, a frota segue sen poder capturar marraxo, problema ao que se suman as partidas desta especie que se atopan en almacéns frigoríficos, co que o prexuízo económico é dobre.

Por iso, a frota e a industria transformadora e comercializadora aseguran que o principal problema segue sendo a descoordinación interministerial, que se prolonga desde hai dous anos, e a falta de dilixencia e incapacidade para resolver un tema que está a afectar á economía de numerosas empresas do sector extractivo e comercializador.

0.20674681663513