120.000 euros para mellorar as infraestruturas do porto de Burela
A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén de executar obras de mellora de infraestruturas no porto de Burela, ás que destinou un orzamento global de preto de 120.000 euros.
A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, comprobaron o resultado das actuacións executadas, entre as que destacan a instalación de novos brazos de amarre de embarcacións nos pantaláns 2 e 4, coa finalidade de reforzar a seguridade e as condicións de traballo dos usuarios.
Tamén se acometeu o reforzo do firme na zona de manobras de carga e descarga de mercadorías do peirao comercial, mediante o fresado do pavimento deteriorado e a posterior extensión dunha nova capa de rodaxe con aglomerado asfáltico en quente. A actuación incluíu a regularización das pendentes para a evacuación de augas pluviais.
Así mesmo, o Goberno galego tamén renovou 24 portas exteriores dos almacéns dos departamentos do punto limpo tipo A do peirao burelés, que datan de 1964. En concreto, substituíronse as antigas portas de madeira por outras novas de aluminio.
A presidenta de Portos e o delegado territorial destacaron que a Xunta traballa para dotar de continuas melloras portuarias á comarca da Mariña co obxectivo de facilitar a actividade dos seus usuarios e de xerar emprego e riqueza na contorna.