120.000 euros en melloras na planta de transferencia de Barreiros
A obra, que xa saíu a licitación, contempla tamén unha nova rede de captación de augas residuais do aparcadoiro e outra de bombeo ata a EDAR da instalación.
Vanse levar a cabo distintas melloras na planta de transferencia do Concello de Barreiros, ás que destinará un orzamento de 119.518,94 euros.
A fin de optimizar a operativa e prestacións desta instalación, acometerase a construción dun novo aparcadoiro de contedores dotado con cinco prazas —o actual, que será demolido, conta con dúas—, das cales catro estarán cubertas, destinándose estas a albergar contedores cheos, mentres que a praza restante reservarase para os baleiros.
A obra contempla tamén a execución dunha nova rede de captación de augas residuais do aparcadoiro e outra de bombeo ata a EDAR da propia planta de transferencia, a drenaxe de augas pluviais, a chaira de manobras de contedores —cada un conta con capacidade para 43 m3—, xunto coa instalación dunha barreira de seguridade no perímetro exterior da mesma, e a propia para o depósito do efluente depurado.
Inclúese tamén a execución dun novo punto de vertedura de augas pluviais mediante gabia drenante e a construción dunha nova escaleira metálica con varanda que comunique a plataforma de descarga dos residuos coa zona de oficinas, optimizando desta forma a accesibilidade aos diferentes puntos da infraestrutura.
O contrato, que saíu a licitación esta semana, estipula un prazo máximo de execución de 12 semanas e un mínimo de 7, abarca o desenvolvemento da obra a todos os niveis, a realización dos pertinentes estudos, controis de calidade e servizos, así como a subministración de todos os equipos, elementos e materiais necesarios para a correcta realización do traballo encomendado.
O prazo para a presentación de ofertas a este concurso conclúe ás 14,00 horas do próximo 10 de xuño.
APOSTA POLA MARIÑA
Cómpre lembrar que na Mariña lucense, a Xunta, a través de Sogama, está a construír unha nova planta de biorresiduos no polígono industrial de Cuíña, en Cervo, que se prevé que entre en funcionamento a finais deste mesmo ano para dar servizo a 15 concellos.
A instalación conta cun investimento de preto de 6,4 millóns de euros e acollerá todo o proceso de compostaxe —pretratamento, fermentación, maduración e almacenamento—, disporá de capacidade para tratar 3.000 toneladas de materia orgánica anuais, ás que habería que sumar 1.600 toneladas de material estruturante —é dicir, podas e restos de madeira—, e producirá ao redor de 1.500 toneladas de compost que se destinará ao sector da agricultura e da gandería como fertilizante natural.
A planta forma parte da rede de infraestruturas de valoración da materia orgánica deseñada pola Xunta a fin de que a meirande parte dos concellos adheridos a Sogama dispoñan dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 km.