1 millón de euros para traballos de desbroce nas estradas provinciais

AMariñaXa
Isabel Rodríguez comprobou a marcha dos traballos de desbroce que está a realizar na provincia cun investimento de 1 millón de euros
desbroce limpeza estradas
2 Feb 2022

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, comprobou a marcha dos traballos de desbroce que está a realizar na provincia o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, que destina un investimento de 1 millón de euros a este cometido. 

A subdelegada desprazouse esta mañá ata Ribadeo para supervisar a evolución  dos traballos que se están a realizar na autovía A-8. Estivo acompañada pola xefa da Unidade de Estradas do Estado na provincia, Beatriz González del Riego, e por persoal da empresa pública Tragsa que é a encargada da realización destes traballos.

Isabel Rodríguez destacou os importantes recursos que destina o Goberno  a unha actuación que ten por obxecto mellorar a visibilidade e, consecuentemente, a seguridade nas estradas do Estado na provincia de Lugo.

Estes traballos de limpeza, que nestes momentos se realizan nas proximidades do enlace da praia das Catedrais, en sentido A Coruña, comezaron hai unhas semanas na autovía A-8 na zona da Mariña e está previsto que continúen durante todo o mes de febreiro nos concellos de Ribadeo e Barreiros. Posteriormente faranse labores de desbroce noutras estradas que forman parte da rede de titularidade estatal, con prioridade nas vías de alta capacidade.

A subdelegada informou de que ademais dos traballos que están en marcha na comarca da Mariña, tamén se están a realizar actualmente labores de desbroce noutros puntos da A-8, concretamente ao seu paso polo concello de Vilalba, actuación que, neste caso, se está a executar dentro do contrato de conservación da rede viaria do Estado na provincia de Lugo.

0.2035801410675