Ribadeo activará o 3 de marzo unha nova campaña de recollida porta a porta de plásticos agrícolas

O Concello de Ribadeo porá en marcha o vindeiro 3 de marzo unha nova campaña de retirada de plásticos agrícolas nas explotacións do municipio mediante o sistema de recollida porta a porta. A iniciativa, coordinada pola Área de Medio Ambiente, busca facilitar a correcta xestión destes residuos e evitar o seu abandono ou almacenamento inadecuado no medio rural.
O concelleiro responsable do departamento, Diego dos Santos, explicou que o servizo foi contratado coa empresa ASCAN Servicios Urbanos, S.L., que se encargará de realizar os percorridos necesarios para atender todas as peticións formalizadas dentro do prazo establecido. A recollida prolongarase durante os días precisos ata completar o listado de avisos recibidos en tempo e forma.
Desde o Concello lembran que as persoas titulares de explotacións agrarias que desexen facer uso desta prestación deberán comunicar previamente a súa solicitude chamando ao teléfono do Punto Limpo municipal, 664 00 09 32. O prazo para anotarse permanecerá aberto ata o 28 de febreiro. O horario de atención telefónica é de luns a venres de 9.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 18.30 horas, así como os sábados de 9.00 a 13.00 horas.
Para garantir o bo funcionamento da campaña, o edil incidiu na importancia de que os plásticos estean preparados no momento da retirada. Así, recoméndase depositalos nun punto axeitado, ordenados e nun espazo accesible para facilitar o labor do camión de recollida. “É fundamental contar coa colaboración das explotacións para que o servizo se desenvolva con axilidade e nas mellores condicións”, sinalou Dos Santos.
A través desta actuación, o Concello de Ribadeo reafirma o seu compromiso coa sustentabilidade e coa protección ambiental, ofrecendo ferramentas que contribúan a unha xestión responsable dos residuos xerados pola actividade agraria.