O Sporting de Gijón organizará en Foz unhas xornadas de tecnificación para a base

O Real Sporting de Gijón presentou esta semana en Foz as súas Xornadas de Tecnificación, un campus intensivo dirixido a rapaces e rapazas que queiran perfeccionar a súa formación futbolística da man dun club histórico do fútbol español.
A actividade desenvolverase os días 30 e 31 de marzo e 1 de abril no Campo de Fútbol de Malates, en horario de 10.00 a 14.00 horas. Durante tres mañás consecutivas, os participantes traballarán aspectos técnicos, tácticos e físicos a través de sesións específicas deseñadas para mellorar o rendemento individual e colectivo.
O campus conta coa colaboración do Concello de Foz, do Club Deportivo Foz e da Asociación Deportiva Santiago de Foz, que se implican nesta proposta formativa destinada a reforzar o fútbol base na localidade. As inscricións xa están abertas a través da páxina web thefootballdream.com.
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, e o concelleiro de Deportes, Ángel Fernández Neira, puxeron en valor o compromiso dos clubs locais co deporte formativo e agradeceron ao Sporting a súa aposta por achegar a Foz unha iniciativa deste nivel. Ambos subliñaron que estas xornadas supoñen unha oportunidade para que a mocidade acceda a unha preparación técnica especializada sen saír da comarca.
Con esta proposta, Foz converterase durante tres días nun punto de encontro para o talento emerxente, reforzando a súa aposta polo deporte base e pola colaboración entre entidades deportivas e institucións.