O Concello reparte 195 árbores froiteiras e autóctonas nun novo pedido conxunto

O salón de actos do Concello foi escenario este mediodía do acto de entrega das árbores correspondentes ao pedido conxunto promovido pola administración local, unha iniciativa que se mantén de forma ininterrompida desde hai máis de dez anos co obxectivo de fomentar a plantación de especies froiteiras e autóctonas.
No encontro participaron a alcaldesa, Dolores García Caramés, e a concelleira de Medio Ambiente, Mali Méndez, que foron as encargadas de facer entrega dos exemplares ás persoas inscritas nesta convocatoria.
Durante o acto, as responsables municipais destacaron que esta proposta pretende facilitar á veciñanza o acceso a plantas de calidade para mellorar a produtividade das súas fincas, ao tempo que se promove a introdución de especies que favorecen a biodiversidade, a conservación do territorio e a mitigación dos efectos do cambio climático.
A compra conxunta permite, ademais, reducir custos para as persoas participantes grazas á tramitación colectiva do pedido. Nesta edición distribuíronse un total de 195 árbores, das que 150 foron subministradas a raíz espida e 45 en maceta. Entre as variedades solicitadas figuran maceiras, pereiras, cerdeiras e castiñeiros, entre outras especies de interese agrícola e ambiental.
En total, 23 veciñas e veciños sumáronse a esta convocatoria, que reafirma a aposta do Concello pola sustentabilidade, pola protección dos ecosistemas locais e polo apoio a prácticas agrícolas tradicionais e respectuosas co medio.