O BNG de Ribadeo pide ao alcalde que reclame o “Modelo Muras” para o parque eólico Mondigo

AMariñaXa
Os nacionalistas propoñen unha fronte común con Barreiros e Trabada para garantir compensacións colectivas e retorno social
Imaxe recurso de eólicos
20 Feb 2026

O BNG de Ribadeo instou ao alcalde da vila a sumarse á iniciativa formulada pola rexedora de Barreiros, Ana Ermida, co obxectivo de reclamar a aplicación do coñecido como “Modelo Muras” nas compensacións vinculadas ao parque eólico Mondigo. O proxecto está promovido pola empresa Recursos de Galicia e afecta aos municipios da contorna.

Desde a formación nacionalista consideran que a proposta supón “un posicionamento claro en defensa dos intereses da veciñanza” e lembran que o denominado “Modelo Muras”, implantado no seu día no concello de Muras mediante un acordo con Iberdrola, permitiu establecer compensacións tanto directas como colectivas para o conxunto da poboación. Ao seu xuízo, este precedente demostra que é posible negociar condicións máis beneficiosas cando existe vontade política.

O concelleiro do BNG en Ribadeo, Martín Graña, defendeu que “se en Muras foi viable chegar a un acordo favorable para toda a veciñanza cunha empresa privada, con máis motivo debe selo agora, cando falamos dun proxecto no que tamén participa capital público da Xunta”. Na súa opinión, “non se pode consentir que a explotación dos recursos naturais deixe apenas beneficios residuais no territorio mentres os rendementos principais marchan fóra”.

Graña apostou por que Ribadeo reclame, xunto con Barreiros e Trabada, a creación dunha partida económica suficiente para bonificar as facturas eléctricas de todas as persoas empadronadas no municipio. Ademais, propón asegurar que unha porcentaxe non inferior ao 2,5% da produción do parque se destine a iniciativas sociais e comunitarias. “Falamos de xustiza social e de garantir un retorno real para quen asume o impacto ambiental e territorial destas infraestruturas”, subliñou.

O edil nacionalista advertiu tamén de que o modelo baseado en compensacións individualizadas segundo a proximidade ás instalacións pode resultar insuficiente. Aínda que recoñeceu que supón “un avance”, considera que presenta “un alcance limitado”. Pola contra, sostén que o “Modelo Muras” permite que a riqueza xerada polos recursos naturais reverta no conxunto da poboación, reforzando servizos públicos e dinamizando o tecido social.

Desde o BNG de Ribadeo fan un chamamento ao rexedor para que abandone calquera actitude pasiva e promova, en coordinación con Barreiros e Trabada, unha posición conxunta que defenda os intereses dos tres concellos. “Estamos ante unha oportunidade para demostrar que os municipios poden esixir condicións máis xustas. Ribadeo non debe quedar á marxe”, concluíu Martín Graña.

⚙ Configurar cookies
0.077286958694458