Acia Foz-CCA premiará aos máis cafeteiros cunha cesta especial

A asociación Acia Foz-CCA volverá incentivar o consumo nos establecementos hostaleiros da vila cunha nova edición da campaña “O teu café ten premio”, unha iniciativa que recompensará aos clientes máis afeccionados ao café cun sorteo moi especial.
A proposta desenvolverase entre o 23 de febreiro e o 1 de marzo e está ligada á celebración do Campionato Internacional de Baristas e de Cata de Cafés, que terá lugar no IES de Foz a vindeira semana. Durante eses días, todas as persoas que consuman café nun dos doce locais participantes entrarán automaticamente no sorteo dunha cesta composta por produtos vinculados ao universo cafeteiro.
Os establecementos adheridos á campaña son A Rambla-Pachán, Anduriña, Bar 78, Cafetería Leyton, Coffee Urban Roasters Foz, Dandy, Los Dulces de Delphine, Marexada, O Muelle Bar, Tangarte, Xoíña Pizzería e Xoyma, que se suman así a unha acción conxunta para reforzar a actividade nun período tradicionalmente máis tranquilo para o sector.
O sorteo celebrarase o 6 de marzo en Radio Foz, onde se dará a coñecer o nome da persoa gañadora da cesta temática.
O presidente de Acia Foz-CCA, José Carlos Paleo, salientou que esta iniciativa xa colleitou unha notable participación nas edicións anteriores e confía en repetir o éxito. Segundo indicou, trátase dunha oportunidade perfecta para que os amantes do café descubran e desfruten das diferentes propostas que ofrecen os locais da vila.
Paleo tamén puxo en valor o impacto do campionato internacional, subliñando que eventos deste nivel supoñen un importante impulso para a economía local nun mes como febreiro, beneficiando non só á hostalería, senón tamén aos hoteis, apartamentos turísticos e ao conxunto do tecido comercial de Foz.